Este ano tivemos serias dificultades para facer a selección das mellores, eran moitas. Por iso decidimos premiar unha ducia. Hai agasallos para todos, os nosos colaboradores son sempre xenerosos e non hai fallo.

Primeiramente queremos salientar unha que veu de Bos Aires, trátase dunha carta escrita por Mariela neta dunha emigrante de Folgoso do Courel, á que a súa avoa lle contaba a historia do Apalpador, para que o recordo se manteña na súa filla Magdalena de dous anos. Coma excepción lóxica, esta carta aceptouse por correo electrónico.

Tamén premiamos unha colectiva dunha clase de infantil do CEIP de Tebra, pola sinxeleza coa que unha ducia de nenas e nenos de 5 anos piden que se adopten máis cans.

Do mesmo CEIP de Tebra premiamos tamén as de Sebas Posada, que nos pide unha viaxe á lúa para a súa nai e que se rematen as obras da súa casa para poder xogar no seu cuarto co seu irmán; a de Alba Refojos, que quere volva a súa coella Sugar que se lle escapou ao seu pai nun despiste cando ela estaba enferma; outra de Xoel Álvarez que pide axuda para unha nena de 2 anos que ten Microduplicación 22q11.2, el xa xunta tapóns para colaborar, nós dende aquí instamos a fundacións, medios de comunicación e á propia Consellería de Sanidade a que sigan o exemplo de Xoel; por último, do mesmo cole unha de Antía Alonso que pide que a súa irmá xogue cos demais nenos no ceo e lle fale á súa avoa dela, rematando coa marabillosa xenerosidade de aceptar que se o seu desexo non se pode cumplir, cando menos se cumplan os dos demais nenos.

Premiamos tamén unha carta de Alicia Torres de 5 anos, de Pontevedra, que cunha abraiante claridade e sinxeleza pregunta ao Apalpador se vai a todos os países e pídelle que leve algo ás nenas e nenos de Siria que non teñen comida.

Do CEIP Seara de Moaña (tamén había moitas cartas moi boas) premiamos á de Alejandro Malvido, un emprendedor en toda regla que pide moito diñeiro para montar unha granxa cunha especificación marabillosa de cais e cantos animais, 1000 sacos de pienso para os seus cans e un teletransportador para que a súa nai poida chegar a traballar a Vigo sen aturar caravanas, para rematar sen esquecerse dos máis necesitados.

Do CEIP Profesor Albino Núñez premiamos a carta de Aissatou Diedhiou que pide ao Apalpador que axude a rematar a casa da súa tía Merche, unha extraordinaria mostra da empatía dunha nena que fai seus os problemas familiares; do mesmo colexio premiamos tamén a de Naiara Ferreiro pola fermosa simpatía coa que pide para «algún neno da clase, que non sabe comportarse, lle deas máis entendemento e autocontrol»

Finalmente, do CEIP de Pontecesures, da aula das Cordas Unidas, a de Tomás, de 7 anos, que entre outras peticións pide que os seus compañeiros «non baixen á nube ou ao nubarrón» e que os nenos dos hospitais volvan sans para as súas casas como lle pasou a el que «un avión de xoguete con luces» lle «salvou a vida». E por último, a de Blas, que pide «que todo o mundo sexa feliz» e «que me queira a miña nai porque o meu pai morreu e non quero que á miña nai lle pase o mesmo», para despedirse cun «camión de apertas», esta última carta será a que leve o agasallo dunha estadía de fin de semana nas Casiñas do Ribeiro.
As Casiñas Do RibeiroGalaxiaOQOEdicións XeraisOZOCOgzBiblos Clube de LectoresGalileo NenosLummerlandOs Lanuxos e Caurelor poden estar tan orgullosos coma estamos na Irmandade dos Apañacastañas de que os seus agasallos serán recibidos por nenas e nenos fóra de serie malia teren de cinco a once anos.

4 thoughts to “Un Premio de Cartas ao Apalpador “moi repartido”

  • ALICIA TORRES ALMAZÁN

    CHEGOU O MEU AGASALLO. NON SABIA QUE GAÑARA. MOITAS GRAZAS, ESTOU MOI CONTENTA.

    Responder
  • Leli

    Dende o CEIP de Tebra moitas grazas ao Apalpador polos premios ao noso centro. Un saúdo.

    Responder
  • María José Bermúdez Herbello

    O alumnado do cole de Seara está encantado con este resultado do seu compañeiro.

    Un saúdo

    Responder
  • Magdalena y Mariela

    Muitas grazias! al Palpador y a sus colaboradores, feliz año para todos.
    Esperamos para la proxima vez perfeccionar la lengua y poder escribir toda la carta en galego sin errores
    Felicidades. Parabens

    Responder

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.