Con este caderno do director pretendemos exclusivamente dar unhas pautas para a posta en escena da obra, dende a máis sinxela a outras máis complexas e mesmo profesionalizadas. Non tratamos logo de crear nós as escenografías, senón de axudar a crealas, polo que deixamos á discreción dos directores a iluminación, o deseño dos decorados e a música.
Como criterio básico partiremos do estilo suxestivo, nunca evidente, non botaremos man de recursos realistas, nin no visual nin no interpretativo.
Basearémonos en tres supostos doadamente recoñecíbeis, Infantil, Afeccionado, Profesionais.
O primeiro está destinado ao profesorado do ciclo infantil-primaria de ensino (válido tamén para as Anpas ou actividades extracurriculares). Os actores son nenas e nenos e, para non lles restar protagonismo, a posíbel inclusión de adultos debera estar restrinxida á practicamente inevitábel. O destino da actividade son principalmente os actores, non os espectadores, podería até nin habelos.
O segundo corresponde a unha produción máis elaborada, os actores son rapazas e rapaces que se dirixen basicamente a un público máis novo ca eles. Son casos clásicos de actuacións promovidas polas Anpas, festas escolares, animadores, centros cívicos e culturais etc. O destino da actividade é a exhibición, os actores cóntanlle a historia aos espectadores, polo que a esixencia narrativa é lixeiramente superior ao primeiro caso.
O terceiro caso é o de teatro profesional, aplicábel a outras actuacións ambiciosas nas que se utiliza unha produción considerábel, sexa ou non profesionalizada. Como no segundo caso, o destino son os espectadores.
O vestiario deseñado nas fichas adxuntas está concibido para os casos primeiro e segundo, como mera orientación e axuda ao traballo de produción.
Comentarios recentes