Cartas ao Apalpador Láminas Quen é o Apalpador? Actualidade Calendario de eventos Fabulación Orixes Outros personaxes As amigas e amigos

Copia en pdf 

Pensamos que a recuperación dunha figura como O Apalpador ten que ser un traballo colectivo e acompañado do coñecemento doutras tradicións similares e as súas orixes. Estudándoas e entendéndoas dende o respecto a elas e a quen as segue. De sempre quixemos ver noutros personaxes uns compañeiros de viaxe e non uns inimigos. Con todo, por veces temos a impresión que a autoxenreira, tan enraizada no carácter galego, impídenos ver como nós propios deostamos as nosas tradicións, cando en moitos casos son máis auténticas e populares (creadas e/ou mudadas polo pobo) que outras que teñen máis a ver coa mercadotecnia. Saber ademais como e por que se desenvolveron certos acontecementos, pode axudar a responder algunhas incógnitas relacionadas coa mudanza dos ritos en diferentes lugares, ou como evolucionaron nalgunhas poboacións.

O mito de San Nicolás

Dos personaxes que traen agasallos polo Nadal, o que ten máis repercusión é sen dúbida Santa Claus, san Nicolás, Papá Noel ou Pai Natal. Pero quen é realmente este personaxe? De onde sae? É real ou mítico?

San Nicolás foi un personaxe real (anos 280-345) que naceu en Patara, Licia, Turquía. Foi bispo de Mira e tiña especial querenza polos necesitados entre os que ao parecer repartiu a fortuna herdada dos pais. En occidente coñécese polo nome de San Nicolás de Bari, porque a esa cidade italiana se trasladaron os seus restos cando os musulmáns conquistaron Anatolia. A partir de aí, as lendas. A súa relación cos agasallos ten varias versións, unha delas é a dunhas rapazas ás que san Nicolás lles puxo en secreto unhas moedas de ouro nos carpíns, que tiñan colgados das chemineas a secar, co fin de que deixasen a prostitución á que o pai as dedicara por seren extremadamente probes. Outra é da súa relación coa infancia pola resurrección de tres nenos asasinados para servir de comida… Unhas tradicións de orixe incerto pero nada historicamente verificábel.

Algúns autores opinan que o mito de san Nicolás veuse mesturado co de outro Nicolás, un suposto neno da Laponia (Finlandia) que quedou orfo coma o santo e ao coidado dos habitantes dunha pequena vila. Cada familia acollíao durante un ano xa que eran xentes de escasos recursos e el, para compensar, entallaba xoguetes de madeira cos que agasallaba ás familias acolledoras. Xa de adulto encargouse de fabricar e repartir os xoguetes entre os nenos das aldeas veciñas. Á súa morte os pais da zona continuaron o costume instaurado por este Nicolás. Tampouco nada histórico nin comprobábel. Mais parece unha invención decimonónica para xustificar a súa procedencia nórdica, que realmente tiña orixe nos Yule fathers.

Imaxe medieval de san Nicolás Baixorrelevo de Sinter Claes en Amsterdam s. XVII Sinter Klaas en 1880Desfile actual en Amsterdam

De San Nicolás a Santa Claus en sete chanzos

Polo 1626 inmigrantes holandeses fundaron Nova Ámsterdam1 e levaron para o novo mundo o seu Sinterklaas, (San Nicolás) o seu patrono, que se celebra o 6 de decembro. Washington Irving2 nas súas Historias de Nova York, de 1809, traduciu o nome holandés por un máis anglomorfo, Santa Claus. Primeiro chanzo da evolución do mito, xa temos a orixe do nome. A seguir, no libro anónimo A New-year’s present, to the little ones from five to twelve (Un agasallo de aninovo para os nenos de 5 a 12 anos) de 18213, nárrase que leva os agasallos nunha zorra4 arrastrada por renos e que ven en Noiteboa5. En 1823 o Troy Sentinel6 publica un poema anónimo, A visita de San Nicolás7. Nel descríbese como unha especie de elfo gordecho e alegre con bandullo redondo. En que poucos anos temos o segundo chanzo, primeiro axeitouse o nome, para logo vir en zorra e deixar caer unha descrición da súa imaxe que xa non tiña nada a ver coa dun bispo. Todo nos Estados Unidos da América.

Ilustración do primeiro poema do libro "A New-year’s present, to the little ones from five to twelve". Ilustración do segundo poema do libro "A New-year’s present, to the little ones from five to twelve". Ilustración do terceiro poema do libro "A New-year’s present, to the little ones from five to twelve".
Primeira ilustración do Santa de Thomas Nast no Harper's Weekly do 5 de xaneiro de 1863. Ilustración de Thomas Nast, 1872 coloreado. Ilustración de Thomas Nast, 1881.

É doado pensar que a connotación relixiosa de bispo non debía convencer a todo o mundo, os católicos eran minoría, e había que darlle unha volta8. Apoiándose naquela nova vía, aberta por Livingston ou Moore no Troy Sentinel, o ilustrador Thomas Nast debúxao por primeira vez en 1863 no Harper’s Weekly coa súa fisionomía básica de gordecho barbudo que xa non viste cos hábitos relixiosos, como aínda segue a ir nos Países Baixos9. Nast íspeo de alba, casulla, palio, mitra e báculo, e moi humorísticamente ponlle unha especie de pixama groso con cinto, mais loce na testa ramallos, en lembranza dos father christmas nórdicos. No entanto, non segue a descrición de elfo diminuto, achégase máis ao aspecto dun avó tenro e divertido. Terceiro chanzo, pásase dunha somera descrición poética a unha imaxe debuxada e precisa, moi afastada da aparencia dun bispo.

Evolución no século XIX

Foi a finais do século XIX cando se consolidou a súa procedencia do Polo Norte ou Laponia, por evidente influencia dos personaxes navideños nórdicos. Cuarto chanzo do mito, o bispo católico turco é agora un señor gordecho vestido de pixama groso, ou con roupa de abrigo, que procede do ártico europeo. Como non é raro supór, durante este século a vestimenta dese Santa Claus, xa non bispo, evoluiu significativamente. Cada ilustrador facía a súa achega ao que sería a consolidación final tal e como se coñece hoxe en día. Amosamos a seguir unhas imaxes que corresponden ao remate do século e comezo do XX.

 Anuncio de Xabrón de Santa Claus da N. K. Fairbank Company N. Y. 1880. Xogo de mesa Christmas Mail. The J. Ottmann Lithography Company, 1890. Xogo A visita de Santa Claus, de McLoughlin Bros. 1897. Xogo de Santa Claus de Parker Brothers de 1900. Salem, Massachusetts, USA. Portada de "Rudolph o reno do narís vermello". Nela só aparece a lenda dos almacéns Montgomery Ward desexando un feliz Nadal. 1939. Portada interior de "Rudolph o reno do narís vermello", de Robert L. May para os almacéns Montgomery Ward. 1939.

A primeira delas é dun anuncio de xabrón de 1880 e as outras tres corresponden a xogos de mesa de 1890, 1897 e 1900. Se ben hai lixeiras diferenzas entre as cores, ribetes brancos ou castaños, e o longo do abrigo ou casaca, parece que xa estaba bastante trazado o camiño de como remataría sendo a vestimenta clásica. No momento en que a vestimenta se consolida coa casaca, botas e gorro cónico rematado en pompón, podemos dicir que se pasa o quinto chanzo.

O sexto chanzo, de menor entidade, todo hai que dicilo, póñeno en 1939 os almacéns Montgomery Wards incorporándolle o personaxe do reno Rudolf co narís vermello e que tantos seareiros ten nos Estados Unidos. A súa orixe é un contiño escrito por Robert May para a súa filla, Twas The Night Before Christmas e que eses grandes almacéns de Chicago editaron, ilustrado por Denver Gillen, para agasallar aos visitantes. Remataremos cun sétimo chanzo citando a curiosa fusión do personaxe de Kris Kringle, dos emigrantes xermánicos10, co Santa Claus. Se ben isto non ten maior transcendencia que a onomástica, resulta curioso que o Neno Xesús mudase en América nun Pai Nadal e fose absorbendo todas as características do Santa Claus.

Coca-Cola… Coca-Cola… Parece que te pillamos nun renuncio!

Ai Coca-Cola! Se non è vero, è ben trovato…! non si? Hai moitos sitios da internet, e cando dicimos moitos é que son moitos moitísimos, que, considerando que unha mentira contada moitas veces pode facerse verdade, outorgan a autoría da imaxe actual do Santa Claus, Papá Noel ou Pai Natal ao ilustrador americano Haddon Sundblom quen recibiu o encargo de The Coca-Cola Company de incluílo unha serie de anuncios da marca que apareceron en 1931. Francamente non entendemos isto e senón mirade a seguir.

Portada de Alexander Sharp para o libro The Goblins' Christmas de Eizabeth Anderson, 1908.Ilustración do mesmo libro titulada «They climbed the sleigh» (Subiron á zorra)Ilustración titulada «For his Christmas treat» (Para o seu goce de Nadal).

Para non nos retrasar até as imaxes amosadas máis arriba do século XIX, comezaremos polas imaxes obra do ilustrador Alexander Sharp incluídas no libro The Goblins’ Christmas de Elizabeth Anderson, editado en Los Angeles por Segnogram Publishing Co. en 1908. A evolución que estaba a se consolidar no remate do século semella ser definitiva. Amósase nelas un Santa Claus que podería ser perfectamente actual, xa é un chaquetón e non un pixama o que leva posto, mais agora loce máis claramente o gorro como os que se usaban para durmir.

Imaxe da revista Puck de nadal de 1902. Portada de Norman Rockwel da revista dos boy scouts, 1913. Postal xaponesa de Santa Claus, 1914.

Esta portada da revista Puck de 1902 amosa tamén un Santa que podería pasar por perfectamente actual. A imaxe do centro é dunha portada da revista dos boy scouts de 1913, realizada por Norman Rockwell. Este autor, xunto con J. C. Leyendecker, incluíron a imaxe de Santa nas portadas, do Saturday Evening Post para os números de Nadal. Vestírono de diferentes xeitos segundo estea fabricando xoguetes, na casa, na neve… mais a maior parte delas mantiñan a vestimenta actual. A seguinte imaxe é dunha postal navideña xaponesa datada en 1914, vese que Santa atravesara xa o Pacífico configurado coas características actuais. Isto non fai outra cousa que confirmar que esa lenda urbana é falsa. A propia multinacional gábase na actualidade de ser a autora dun Santa máis auténtico, humano… di que Sundblom é o autor do Santa actual, pero que recoñece que as cores lle eran previas. Polo que se ve, a Coca-Cola, cando non pode continuar coa mentira, dálle unha reviravolta e afirma algo compatíbel con ela pero verosímil, agora andan con que até os deseños de Sundblom cada quen vestía a Santa ao seu xeito… Mais nin Sundblom nin Coca-Cola poden considerarse creadores da imaxe, das cores, nin de nada parecido, que teña aire máis expresivo, humano ou agarimoso? pois se queren velo así, para eles ese trunfo! a nós non importa unha miga.

O Santa de Fred Mizen de 1930. Santa de Haddon Sundblom de 1931. Santa de Haddon Sundblom de 1940. Santa de Haddon Sundblom de 1947.

Coma colofón vexamos estas catro imaxes, a primeira é de Fred Mizen, de 1930, que foi o primeiro encargado da agresiva campaña para que a Coca-Cola se vendese tamén en inverno11. A escolla da imaxe publicitaria que acompañase á mensaxe era determinante e o personaxe de Santa era un símbolo do nacemento do inverno que acaía á perfección ao estilo da compañía, boa xente, simpático, familiar… transmitir unha idea do tipo de: «Mirade, Santa bebe Coca Cola en inverno, e vós?» podía ser definitivo, e foino. As tres seguintes imaxes son de Haddon Sundblom que o debuxou dende 1931 até 1964.

Os Reis Magos

En España e en países de Hispanoamérica, quen traen agasallos ás nenas e nenos son os Reis Magos. Séguese o costume en honra de aqueles personaxes que lle levaron ao neno Xesús ouro, incenso e mirra. Mais, eran tres? Eran reis? Eran magos?

A orixe do rito, a Biblia

Cremos que, para comezar, o mellor é tirar da Biblia os únicos parágrafos nos que se citan, son do evanxeo de S. Marcos capítulo 2 versículos do 1 ao 12 dos que só pomos aquí as referencias directas:

Cando Xesús naceu en Belén de Xudea nos días do rei Herodes, viñeron do oriente a Xerusalén uns magos, dicindo: Onde está o rei dos xudeus, que acaba de nacer? Pois vimos a súa estrela no oriente e vimos adoralo. Cando o rei Herodes oíu isto, perturbouse e toda Xerusalén con el…

…E enviounos a Belén e díxolles: Ide alí e pescudade axiña que foi do neno; e cando o atopedes, dicídemo, para que eu tamén vaia onda el e o adore…

…E velaquí, a estrela que viran no oriente foi diante deles, ata que parou onde estaba o neno…

…E cando entraron á casa, viron ao neno coa súa nai, María, e axeonllados adorárono. E abrindo os seus tesouros, ofrecéronlle os agasallos: ouro, incenso e mirra.

Isto, e só isto, é o escrito nos evanxeos canónicos sobre os Reis Magos, nos apócrifos cítase algo máis. Como se pode ver, en ningún sitio pon que fosen tres, nin reis, só magos; mais ese último termo ten varias interpretacións: sabios, astrólogos, astrónomos e tamén, ao incluír a súa procedencia de oriente, pertencentes a unha caste de sumos sacerdotes. A denominación de magos na contorna próxima estaba bastante deostada asociándoos mais ou menos a feiticeiros, ocultistas e pouco serios. Parece que coa indicación da procedencia oriental de grandes dignitarios, a pretensión evanxelizadora daqueles primeiros discípulos era a de crear unha mensaxe máis convincente, algo así como: «Se eles que son de fóra, de caste elevada e moi sabidos, veñen a adoralo, como é que vós aínda non o adorades?»

Dous, tres, catro e até doce

Segundo as tradicións siria e armenia eran doce, Antonio Panaino recolle os nomes armenios tal e como os cita Hugo Kehrer, con certa prudencia, son: Zahtun, rey de Gog, Arevn, rei dos persas, Zual, rei dos Medos, Zarehu, rei dos Partos, Artasiz, rei dos Asirios, Asthan e Makhaz, os dous reis dos bárbaros, Iserenezboki, Ahisrach e Tarana, os tres citados como reis de Tharsis e das Illas, Marei, rei de Arabia e Avsit, rei de Saba. Tamén se di noutros escritos que viñan acompañados de exércitos de 12.000 homes mandados por 12 xenerais, e mesmo que aos tres reis lles acompañaban doce magos, catro a cada. Hai pinturas nas catacumbas romanas que representan a dous e a catro reis. Pero como o número tres tiña especiais connotacións para a Igrexa, lémbrese a Santísima Trinidade, e S. Marcos citaba tres agasallos, mantívose esa tradición apoiada por algúns evanxeos apócrifos.

Representación de dous Magos nas catacumbas de Priscila en Roma, s. IV. Catro Magos nas catacumbas de Domitila, tamén en Roma, s. IV. Primeira representación dos Reis Magos cos seus nomes Melchor, Gaspar e Baltasar. Mosaico bizantino da Igrexa de S. Apolinar o Novo de Rávena, s. VI
Detalle do mosaico devandito no que se poden apreciar os nomes dos Magos e as súas vestimentas. Sarcófago paleocristián de Layos, Toledo, anos 312 a 320. O terzo dereito, logo de Adán e Eva no Paraíso, representa a adoración dos Reis Magos coa Virxe erguendo ao Neno Xesús.

Nestas imaxes vense as representacións de dous e catro magos nas catacumbas de Roma e a primeira imaxe na que se inclúen os nomes de Melchor Gaspar e Baltasar12, nun mosaico bizantino de Rávena, e o sarcófago de Layos, Toledo, do século IV, con tres magos tamén. En todos estes casos as roupaxes eran idénticas, de nobres persas, con senllos gorros frixios que caracterizaban a súa orixe oriental, non reis13.

Reis?

O de reis é moi curioso. A súa orixe son as profecías dos Salmos nas que se di que «…Os reis caerán diante del…». Probabelmente os primeiros predicadores cristiáns se esforzasen máis en presentar como rei a Xesús, o «rei dos xudeos», e nin pensasen en introducir outros reis. Podería parecer que se había tanto rei: o emperador romano, Herodes, Xesús, e ademais os Magos, alí todos eran «iguais» e iso non sería moi conveniente para a claridade da mensaxe evanxelizadora: Só hai un rei dos xudeos, o voso líder, Xesús. Pasados tres séculos, cando xa estaba moi asentada a divinidade de Cristo, e non facía falta darlle o atributo real, pensouse que eses magos ou sumos sacerdotes deberan ser diferentes dos que o pobo coñecía, estar por riba dos prelados do momento, ser algo máis, os reis que citaban os Salmos. A Igrexa aceptou entón como verdadeiros aos tres Reis Magos que segundo as tradicións se chamaban en hebreo Damasius, Amerus e Apellus; en grego Sarachim, Magalath e Galgalat, e en latín Melchor, Gaspar e Baltasar. O primeiro era rei dos persas, o segundo da India e o terceiro, dos árabes14. Segundo parece o primeiro en dicir que eran tres, reis e magos foi San Ambrosio de Milán, mais non se lle ocorreu que, de ser certo, na longa historia do imperio persa era a única vez en que uns reis eran ao tempo sumos sacerdotes. No evanxeo armenio amplía os presentes que ofreceron ao neno Xesús. Así, Melchor levoulle mirra, aloe, muselina, púrpura e fitas de liño; Gaspar, nardo precioso, mirra, canela, cinamomo, incenso e outros perfumes; e Baltasar, ouro, prata, pedras preciosas, zafiros e pérolas finas. Ben pode ser por resaltar ou esaxerar as riquezas e bens traídos polos Magos ou simplemente por ser máis exhaustivos. Tampouco sería tan raro que Mateo no seu evanxeo recorrese ao simbolismo dos agasallos máis que á súa precisión.

Se a súa orixe e número é imprecisa, máis curioso é o acontecido cos seus corpos. Unha das historias conta que foron martirizados e os seus corpos atopados por Santa Helena e levados a Constantinopla, de aí trasladados a Milán e, cando Federico I, Barbarroxa, conquistou a cidade italiana, levou os corpos a Colonia onde repousan na súa catedral. Mais con todo, na viaxe de Milán a Colonia parece que foron deixando reliquias estendidas por igrexas do camiño. Por outra parte Marco Polo cita: «En Persia atópase a cidade de Saba, da que partiron os Tres Magos e nesta cidade están enterrados, en tres monumentos moi grandes e fermosos, xuntos. E encima delas hai un edificio cadrado, moi ben conservado. Os corpos aínda están enteiros, con cabelo e barba».

A raza negra de Baltasar

Fragmento da Táboa de Santa María de Avià, Barcelona, s. XIII. Xa aparecen como reis mais aínda manteñen o criterio representativo das idades do home Primeira representación de Baltasar con pel escura. Retablo do Altar de Wurzach. 1437 Fragmento do cadro anterior no que se aprecian mellor os riscos raciais occidentais do rei. Pode observarse tamén ao servinte que está detrás del con riscos claramente africanos.
Tríptico da Adoración dos Magos, de Hans Memling, na que Baltasar é inequivocamente de raza subsahariana, 1470-72.

Probabelmente fose a partir de Ambrosio de Milán cando os Magos simbolizaron as idades do home: xuventude, madureza e senectude, con certos intercambios de nome para cada unha delas segundo as épocas e autores15. Isto mantívose até o século XV no que para medrar a gloria do neno Xesús ideouse a idea de que os magos representasen a toda a orbe coñecida. Incluíase así a procedencia africana ás orientais. A primeira referencia que se coñecía era a do mosteiro de Emmaus en Praga, de dubidosa autenticidade16 igual que pasa coas epifanías do século XII de Santiago de Compostela. Tamén se refire o retábulo de Wurzach de 1437, pero nós non nos resistimos a dubidar da intención do autor ou se foi repintado de escuro, abonda con observar os riscos raciais para ver que simplemente ten a pel escura, non como o servinte que está detrás del con riscos nitidamente africanos. O primeiro que coñecemos que non presenta dúbida de ningún tipo é o da Adoración dos Magos de Hans Memlind que está no Museo do Prado. Non podemos eludir citar aquí o cadro de Grão Vasco do 1501-1506 no que se representa a un cuarto rei de características raciais indoamericanas.

Coma todas as tradicións, debera entenderse a dos Reis Magos coma unha sucesión de simbolismos que os predicadores de cada época van armando cun fin determinado. Primeiro son persoas extraordinarias, sabias e orixinarias do centro da cultura do momento, os magos do evanxeo de Lucas; logo eses magos adoptan o simbolismo das idades do home; a seguir, en consonancia co Antigo Testamento, dáselle a condición real; e finalmente, a representación territorial, as razas eran o camiño. O papa Bieito XVI, xa no século XXI insinuou que podían proceder de Tartesos, península Ibérica, non sabemos moi ben con que intención.

 Os casos máis próximos

O Olentzero
Olentzero con blusón claro Desfile do Olentzero Olentzero actula

O Olentzero é probablemente o máis consolidado da nosa contorna próxima. O primeiro que hai que recordar é que se mantivo prohibido polo franquismo e a súa recuperación comeza con certo pulo a finais dos anos sesenta, sobre todo en Lesaka e Iruña. Hoxe en día é a primeira das escollas das nenas e nenos vascos por riba do Santa Claus e dos Reis. Algúns investigadores consideran que personaliza o Tronco Olentzero17, outros que son complementarios.

Sorpréndenos moito que os estudosos da tradición entendan como comprensíbel, e mesmo lle dean outra interpretación, ao que nós consideramos como unha intención deturpadora; dan por válido o seu aspecto porco, esfarrapado ou pouco galano e estabelecen que representa as cousas malas do ano que morre, mesmo se queiman, para incorporar as boas do ano que entra. Unha ollada moi lixeira sobre outros personaxes do Nadal europeo penso que darían unha idea máis achegada, seguramente, á realidade dos ritos. O que se queiman son os troncos.

Na primeira das imaxes que amosamos, de hai algúns anos, aparece co clásico blusón azul claro, actualmente é máis habitual velo con el escuro ou con chaleco. A pel sobre o lombo lémbranos certamente ás cabras centroeuropeas e nórdicas. Por todo o Euskadi fanse caravanas, carrozas e desfiles do Olentzero.

Imaxe debuxada do Olentzero Imaxe debuxada do Olentzero con aire moi infantil O Olentzero con roupa caseira na película de animación O Olentzero e o Tronco Máxico. O Olentzero moi estilizado con blusón escuro

Estas outras imaxes son unhas de tantas representacións deseñadas do personaxe. Hai diferentes estilos, elementos comúns e outros alternativos, vestimenta doméstica e usada no exterior, accesorios varios: sempre de txapela, sempre con saco e calzando abarcas, as máis das veces co farol e de blusón…  Unha evolución da imaxe cos tempos.

O Angulero

O Angulero é unha personaxe de nova creación que trae agasallos ás nenas e nenos asturianos.

Creouse no 2008 pola asociación cultural Garabuxada de San Juan de la Arena, trátase dun pescador que vive no mar dos Sargazos e que vén no Nadal a Asturias para pescar angulas. Cos cuartos que gaña da súa venda, mércalles xoguetes e lambetadas a nenas e nenos.

O Esteru

Esteru dun desfile de Comillas do ano 2009.

O Esteru é un personaxe cántabro e asturiano con moitas similitudes ao Olentzero, tamén leñador. Fai xoguetes de madeira e repárteos acompañado do seu Burru. Segundo parece, fixo parte da tradición perdida e narrada por un par de persoas de Comillas que lembraban o mito ao que se lle xuntaron logo outras lembranzas por Cantabria adiante até Asturias. Cóntase que foi atopado cando bebé polo séquito de ananos dunha fada do bosque e criado por uns anciáns leñadores da montaña; comezou a facer xoguetes de madeira para unha familia moi probe e con moitas nenas e nenos e a seguir repartíaos por toda Cantabria e Asturias; un día entrou nun incendio a salvar uns nenos e unha viga matouno, pero a fada que o atopara devolveulle a vida e agora é inmortal. Practicamente toda a iconografía é curiosamente idéntica á do Olentzero. Mesmo se presentan como imaxes do Esteru unhas do Olentzero en vilas de Euscadi.

El Tientapanzas

Carroza do Tientapanzas en Écixa, Sevilla, fragmento da fotografía de José Pradas, 2016

Tientapanzas ou Tientapanza é un personaxe exclusivo da cidade sevillana de Écixa que se recuperou no ano 2004 e que, segundo as lembranzas dos maiores da vila, apalpaba as barriguiñas das nenas e nenos para logo informar aos Reis Magos de se estaban mantidos e que eles lles levasen ou non os agasallos. Os propios ecixanos recoñecen nel ao Apalpador e cren que a tradición vén da repoboación que fixeran os Reis Católicos logo da conquista da zona. Curiosamente vai ás casas o 24 ou o 31 de decembro segundo as familias. Dende a súa recuperación faise un desfile polas rúas de Écixa e ao remate recibe aos pequenos, apálpalles a barriga e dilles que sigan comendo «así todo el año», logo dalles un agasallo. Como poderá verse polas datas do rescate, nin estaba escrito o texto de José André Lôpez, nin a Gentalha iniciara a revitalización do Apalpador, polo que podemos deducir doadamente o forte enraizamento do costume nas familias que repoboaron Écixa, que o mantiveron vivo centos de anos. Tamén parécenos unha curiosa mostra de como pode evoluir un costume segundo a contorna que a sostén, aquí, o Apalpador-Tientapanza convértese nunha especie de axudante dos Reis Magos para poder convivir con eles.

Personaxes do resto de Europa

Yule Father

Nesta imaxe aparece Yule Father co rotulado God Jul, (Bo Nadal). Nesta imaxe aparece Yule Father co rotulado God Jul, (Bo Nadal). Imaxe do Father Christmas, fotografía de Eva Creel, 2016. Postal do Father Yule coa Yule Goat. Imaxe do Juenmanden ou Yule Father coa súa característica árbore, desta vez vestido de branco.
Imaxe da Julbocken entregando agasallos (neste caso debúxase unha persoa caracterizada con máscara e cobertor de pel).  Ilustración de Jenny Nyström da cabra de Nadal montada polo gnomo Julenissen, 1908.  Gävlebocken, cabra xigante que se ergue todos os anos en Slottstorget dende 1966. A cabra Yule de Ikea
Gravado victoriano do Yule Log. Facíanse competicións das mellores toradas, 1845. Queima do Cacho-fiò ou Cacho-fue (Yule log, Tió de Nadal...) na praza de Beaumes-de-Venise, Provenza, 2011. Unha práctica versión urbana que pode servir dun ano para o outro malia usar o lume depurativo O doce Yule Log, Bûche de Noël, é máis tradicional nos países francófonos

Yule, Jul, Joul, Jól segundo as grafías británica, escandinava, finlandesa e islandesa respectivamente, é a celebración do solsticio de inverno nas tradicións nórdicas. Ten orixe precristiá na Escandinavia, era unha festa da familia e fertilidade que duraba varios días, o Yuletide ou tempo de Yule. Nesta celebración aparecen o Yule Father, o Yule log e a Yule goat. O Yule Father, Julemanden en Dinamarca, ou Old Yule, Yule God e Yule King é a personificación do solsticio, está moi vinculado á natureza e adoita levar coroas vexetais coma os Father Christmas. O Yule log é unha torada ou tronco idéntico ao noso Tizón de Nadal, ao Tió de Nadal catalán, ao Cacho-fiò provenzal, Julklozt alemán, Badnjak dálmata, Sepo de Natal portugués e tantos outros. Na actualidade faise unha simpática versión urbana que consiste nunha pequena torada á que se lle poñen unhas velas enriba que son as que se prenden, en lugar de prender o tronco, colócanse de adorno en lugares destacados das casas. A Yule goat ou Julbocken é a cabra, que nuns casos só porta os agasallos e noutros tamén os entrega, que ás veces serve de acompañamento ao Yule Father e outras vai ela de protagonista conducida por gnomos; hoxe en día constrúense bonecos de palla ou madeiras, algúns de tamaño xigante, coa forma da cabra; e xente de todo o mundo merca ese feixiño feituco de palla con forma de cabra que multinacional sueca Ikea espalla polo mundo adiante. O Yule Log ou Tizón de Nadal ten unha curiosa derivación gastronómica, que consiste nun doce similar ao brazo de xitano cuberto de chocolate coa forma dun tronco, Bûche de Noël en Francia, que se ten convertido en sobremesa obrigada do Nadal sobre todo nos países francófonos.

Father Christmas ou Old Christmas

 Father Christmas ilustración de The Examination and Tryal of Old Father Christmas 1658.  Gravado do Father Christmas de Canción de Nadal de Charles Dickens, 1843. Gravado de Father Christmas repartindo agasallos aos máis necesitados, 1895. Father Christmas montado na cabra e portando o wassail, Robert Seymour, 1836. Old Fahter Christmas preparando o wassail no Illustrated London News, 1842. Old Christmas co Yule log e o wassail, no Illustrated London News, 1848.

Father Christmas é o nome do personaxe británico que simbolizaba o solsticio, máis raramente aparece citado como Old Christmas e mesmo Old Father Christmas. A primeira referencia escrita é do século XV pero sábese que a tradición pagá é moi anterior. A imaxe que se amosaba xa no XVII era dun vello de aire rexio, moi abrigado, con carapucha ás veces, e vestido en cor verde ou azul escuro, Acompañan ao mito a cabra Yule e o tronco Yule, coma nas tradicións nórdicas, ao cabo o que semella é que é o Yule Father co nome cristianizado. En moitas das imaxes que nos chegaron do século XIX aparece co wassail18, unha tradición que lembra ao Halloween ou mesmo aos aguinaldos, trátase do costume de ir polas casas, petar nas portas e ofrecer o wassail en troco de agasallos.

Ded Moroz

Ded Moroz, o avó xeo ruso. Ded Moroz con indumentaria vermella e branca, que comparte coa azul e branca. Ded Moroz e a súa neta Snegurochka.

Ded Moroz (Дед Мороз) quere dicir Avó Xeo, ou Avó Frío é unha especie de San Nicolás ruso que lles dá os agasallos en man as nenas e nenos polo aninovo. Pode vestir de vermello ou azul, o primeiro puidese ser unha influencia do san Nicolás. O seu aspecto é o dun dignatario de rango moi elevado, con ricas vestimentas moi abrigadeiras e o seu gran cetro Posh, co que fabrica neve. Leva carruaxe de tres cabalos brancos e como axudante, á súa neta chamada Snegurochka. A súa presencia estendeuse a todos os países da área de influencia soviética, con lixeiras adaptacións onomásticas. Non ten conflicto con Babushka, e até se lles relaciona19.

Joulupukki

Postal navideña finlandesa cun Joulupukki vestido de azul. Postal navideña finlandesa cun Joulupukki vestido de vermello. Joulupukki actual, moi similar a Santa, mais con abrigo longo.

Joulupukki é un vello finlandés que nun tempo tiña un aspecto máis parecido a outros Yule Father e hoxe en día está practicamente asimilado ao Santa, malia isto, non leva o seu chaquetón curto, senón un abrigo longo e adoita carrexar unha árbore de nadal. Joulupukki significa literalmente «Cabra de Nadal» mais na actualidade en Finlandia perdeu o compoñente animal. Ten clara vinculación co Yule ou Jul dos seus veciños nórdicos, aínda que xa non comparta tronco e cabra. Nuuttipukki é unha tradición asociada na que homes disfrazados con peles de cabra asustaban ás xentes nas ceas de nadal para quedaren coas sobras, lembra aos Perchten e Krampus alpinos. A principal característica de Joulupukki é que el dá os agasallos en man. Entra na casa pola porta principal e pregunta: hai nenas e nenos que se teñan portado ben? Logo da obvia afirmación, entrégalles os presentes. Todos os anos faise un curioso encontro ente Joulupukki e Ded Moroz na vila fronteiriza finlandesa de Lappeenranta.

Jólasveinar

Jólasveinar cos seus pais Grýla e Leppalúði, atráis no centro, e o gato de Grýla.

Representadión dos jólasveinar.

En Islandia hai unha curiosa e única tradición, son trece personaxes Jólasveinar ou Yule Lads, unha especie de elfos ou trasnos, que veñen un cada día dende o 12 ao 24 de decembro, van marchando un a un do 25 de decembro ao 6 de xaneiro, cada un pasa na vila 13 días e o único día en que están todos é o 24. O número variou durante a historia mais dende o século XIX mantívose nos trece. A súa orixe son trolls ou trasnos maléficos, pero dende o XIX, aínda que manteñen as súas travesuras, volvéronse máis amábeis.

Os seus nomes publicáronse na colección de folclore de Jon Árnason en 1862 e dende esa data mantivéronse sen cambios. Velaí os nomes co día en que baixan da montaña e cadansúas travesuras.

  • Stekkjastaur (asedia ás ovellas pero anda con dificultade, véselle ás veces montado sobre a cabra Jól) do 12 ao 25 de decembro.
  • Giljagaur (agóchase para roubar o leite nos cortellos) do 13 de decembro ao 26 de decembro.
  • Stúfur (rouba potas para comer) do 14 de decembro ao 27 de decembro.
  • Þvörusleikir (rouba o Þvörur, unha culler cun cable longo) do 15 de decembro ao 28 de decembro.
  • Pottasleikir (rabaña os restos dos potes) do 16 de decembro ao 29 de decembro.
  • Askasleikir (agocha debaixo das camas e rouba os askur, uns recipientes con tapa para comer) do 17 de decembro ao 30 de decembro.
  • Hurðaskellir (bate nas portas especialmente durante a noite) do 18 de decembro ao 31 de decembro.
  • Skyrgámur (ten querencia polo skyr, un iogur islandés suave) do 19 de decembro ao 1 de xaneiro.
  • Bjúgnakrækir (agocha nas vigas par roubar as salchichas que estan a afumar) do 20 de decembro ao 2 de xaneiro.
  • Gluggagægir (axexa polas fiestras para atopar cousas que roubar) do 21 de decembro ao 3 de xaneiro.
  • Gáttaþefur (ten un narís longo para atopar laufabrauð, un doce similar ás orellas) do 22 de decembro ao 4 de xaneiro.
  • Ketkrókur (leva un gancho para roubar carne) do 23 de decembro ao 5 de xaneiro.
  • Kertasníkir (papa as velas de sebo que levan os nenos) do 24 de decembro ao 6 de xaneiro.

Viven nas montañas con seus pais, Grýla e Leppalúði. O seu papel principal é dar agasallos ás nenas e nenos. Estes poñen o seu mellor zapato na xanela o 12 de decembro e recibe un pequeno agasallo de cada personaxe. Se se portan mal poden deixarlles unha pataca podre. É costume tamén estrear unha peza de roupa polo Nadal, para que o Gato de Grýla non os pille e os pape.

Perchta

Perchtenlaufen en Salzburgo. A dama Perchta con dous dos perchten en Leibnitz, Austria, 2016. Grupo de Perchten de Ebenau, Tirol, 2016.

Perchta, segundo parece, provén do nome dunha deidade feminina20 dos Alpes, probabelmente de orixe celta. Os Perchten, son grupo de personaxes, masculinos e femininos, divididos en dous grupos principais, o Schönperchten que son os bós e os Schiechperchten, os malos. Ás veces son o séquito dunha dama, Perchta ou Frau Perchta. Van cubertos de peles, ou unhas roupaxes vexetais similares aos pelexos, con varas ou feixes, chocas ao cinto e con máscaras de cornos. Os Perchtenlaufen son desfiles no que se simulan liortas a paus entre eles, hoxe en día son moi ruidosos con percusións moi estudadas e rematan cun rito de lume. Na actualidade comparten desfiles co Krampus e as máscaras se confunden, Perchta e Krampus parecen xa o mesmo.

Belsnickel

Belsnickel. Figura de Belsnickel. Semella un nomo ou un San Nicolás, mais mantén a rama ou feixe para zorregar.

Belsnickel é un personaxe do suroeste alemán, que ten pasado a partes de Holanda e de aí a Pensilvania onde é tradicional. É un home das montañas de orixe cando menos medieval que pode estar baseado no Knecht Ruprecht, mais este non vai con San Nicolás e leva unha vara ou un feixe de vimbios para zorregar aos nenos que se porten mal e un saco de doces para os que se porten ben. Ao parecer é o primeiro personaxe de nadal no que aparece a dualidade do ben e do mal para avaliar a conveniencia de entregar ou non o premio ás nenas e nenos. Tradicionalmente pode ir vestido con peles, cun abrigo longo con carapucha e tamén esfarrapado e porco, pode levar ademais unha máscara coa lingua e mesmo ser acompañado polo Krampus. Hai unha curiosa tradición de coleccionar figuriñas deste personaxe que nalgúns casos asemellan aos Yule Father e mesmo a San Nicolás.

Agios Vasilis (San Basilio)

Imaxe actual dun Agios Vasilis.  Icono que representa a Agios Vasilis (San Basilio o Grande) bispo.

Agios Vasilis (Άγιος Βασίλης) ou San Basilio o Grande (330-378 d. C.) é un santo das igrexas ortodoxas e católica, foi un bispo do século IV, como San Nicolás, e ademais tamén naceu na parte helena de Turquía, en Cesárea, Capadocia. É o encargado de entregar os agasallos en Grecia e faino o primeiro de ano. Hoxe en día, da tradición propia practicamente só lle queda o nome, xa que a súa iconografía e mesmo a procedencia21 son idénticas a Santa Claus.

As mulleres

A Apalpadora

Apalpadora.

Polo de agora só coñecemos o testemuño de Manuela Álvarez Pinto, nacida en 1929, de Arnado, concello de Oencia, nos Ancares leoneses, en descrición que lle deu ao profesor Fernando Álvarez-Balbuena García. Ela relata que a Noite da Apalpadoira quen viña polas casas, por ver se as criaturas estaban mantidas, era precisamente un personaxe feminino, A Apalpadoira. Mentres non se teña constancia de máis referencias sobre o personaxe, será difícil o seu rescate, unha mágoa. No ano 2017 Anxo Moure incorporou a figura da Apalpadora ao seu elenco, personificando a filla do Apalpador, e mesmo sendo ela propia a principal protagonista do acto. A primeira aparición en solitario foi en Salceda de Caselas, na praza do Concello o 22 de decembro dese ano.

Mari Domingi

Mari Domingi acompañando ao Olentzero.

Nace en Donostia en 1994 co fin de contribuír á igualdade de xénero. A orixe é a protagonista dunha panxoliña tradicional recollida a comezos do século XX no que unha pastora chamada Mari Domingi quere ir a Belén a ver o Neno Xesús e dinlle que ten que mudar a saia vella para ir máis presentábel. En certo xeito lémbranos algo ás tradicións de Babushka e Befana en que as tres queren ir a Belén a adorar ao Neno Xesúse atopan un atranco relacionado coa limpeza. Moitas organizacións feministas, con razón, están en contra da súa incorporación á tradición porque no fondo perpetúa os roles de xénero. Realmente preséntase a Mari Domingi como un personaxe secundario do Olentzero22.

 Babushka e Befana

Babushka, a avoa rusa que reparte doces e agasallos a nenas e nenos por ven se é o neno Xesús. A Befana da casa dei Risvegli.

Babushka e Befana son dúas localizacións da mesma lenda, a primeira rusa23 e a segunda italiana. A lenda di que os tres Reis Magos chegaron á casa dunha vella e preguntáronlle se vira a estrela de Belén, ela non a vira pero aloxounos esa noite e deulles de comer; ao día seguinte convidárona a ir a Belén con eles, pero ela dicía que tiña moito que limpar e, se agardaban un par de días, iría; eles partiron e aos dous dias fíxoo ela, levando uns xoguetes e doces para o neno Xesús; non deu atopado nin aos Reis polo camiño, nin ao neno Xesús ao chegar a Belén; dise que aínda anda cos agasallos que lle levaba, e vai repartindoos polas casas a ver se nesa está o neno Xesús. Ao se representar coa vasoira asóciase moitas veces erroneamente con bruxas. A Befana ten un arraigo en Italia similar aos Reis Magos en España.

Schnabelperchten

As Schnabelperchten de Rauris, 2011. As Schnabelperchten de Rauris, 2011.

Curiosa e exclusiva tradición da localidade austríaca de Rauris, as Schnabelperchten, ou Perchten de bico longo, son unhas figuras femininas que saen o día 5 de xaneiro, véspera da Epifanía cristián. Van silandeiramente polas casas vendo se están limpas e, na súa orixe, se non estaban a xeito, dicían que abrían os bandullos dos habitantes e metían o lixo dentro. Por iso portan vasoiras, unhas grandes tesoiras agullas e fío. Hoxe en día son personaxes que traen beizóns para o ano vindeiro e non aterrorizan aos habitantes da vila.

Snegurochka

 Snegurochka con seu avó en Belovezhskaya Pushcha, Bielorrusia, 2004. Postal de Ded Moroz cunha Snegurochka nena, 1954. Postal de Ded Moroz cunha Snegurochka nena, 1954.

Snegurochka (Снегурочка) é a neta de Ded Moroz (avó xeo) e o seu nome significa «moza das neves»24. Axuda ao seu avó a darlle os agasallos ás nenas e nenos polo aninovo represéntase como unha muller nova de aspecto fermoso e doce. A orixe é incerta e mentres uns vincúlana a antigas tradicións eslavas, outros opinan que provén do personaxe dun conto tradicional máis recente. Logo da revolución rusa prohibíronse as celebracións de fin de ano, pero en 1936 restablecéronse e desde 1937 Snegurochka aparece coma compañeira inseparábel do seu avó. No conto tradicional é filla da Primavera e mais do Inverno e que, ao namorar dun mozo, o seu corazón quece e ela derrétese25.

Cristkind

Curioso gravado de Christkind, con ás e máis ou menos asexuado, acompañado de Kenecht Ruprecht, 1850. Ilustración de Christkind de 1845 con coroa, ás e nidia connotación feminina. Christkind en Núremberg, 2011.  Christkind en Núremberg, 2015.

A ubicación como muller de Christkind pode parecer absurda, xa que en orixe trátase do Neno Xesús, mais co paso do tempo evolucionou a anxo con ás, asexuado, e hoxe en día está representado por unha moza. En Núremberg por exemplo ten que ter cumpridos os 16 anos. Leva os agasallos o día de Nadal en Alemania, Austria e grande parte de Europa Central. Como se citou no apartado correspondente a San Nicolás, a súa orixe parece ser a Reforma de Lutero e o rexeitamento á veneración dos santos.

Os acompañantes

Hai varios personaxes que aparecen como actores de reparto acompañando aos protagonistas principais. Algúns deles probabelmente foran incorporados aos ritos do Nadal por estaren moi enraizados, pero que atendendo ás súas características puideron ser independentes nun tempo. Os máis deles adoptan unha caracterización negativa como contrapunto á bondade do protagonista e como azoute das nenas e nenos que se porten mal. Outra característica que nos parece curiosa é que os personaxes negativos, cando non van enmascarados, levan a cara luxada ou pintada de negro, que nos lembran aos carboeiros máis próximos. Certamente hai moitísimos, algúns deles repetidos con nomes ou lixeiras peculiaridades locais, nós só citaremos aquí os máis significativos.

Krampus

Máscara dun Krampus de Salzburgo. Desfile de San Nicolás cos Krampus en Salzburgo. Krampuslauf (desfile de Krampus) en Schwadorf, Austria, 2014.

Krampus, é un curioso personaxe orixinario dos Alpes austríacos26 que leva unha máscara con cornos, vai cuberto de pel e adoita levar chocas. Ten aspecto e actitudes aterrecedoras, medio cabra e medio demo, e adoitaba acompañar a San Nicolás, mais actualmente fanse tamén desfiles independentes e mesmo se mesturan cos Perchten dos que practicamente non se diferencia. A súa orixe sinalase precisamente nos Perchten dos que puido ser un dos personaxes maléficos que logo sería extraído como acompañante antagónico de san Nicolás. En certas partes de Austria pode seguir a Belsnickel en vez de a san Nicolás. As películas e historias recentes sobre o Krampus non cremos que lle sexan moi beneficiosas á tradición; represéntano como un demo sen máis e polo que parece debe ter tirón comercial, e moito nos tememos que a literatura e historias recentes terán pouco de fidedignas e máis de produto sinistro consonte a moda do terrorífico, vampírico, demoníaco…

Knecht Ruprecht

San Nicolás con Knecht Ruprecht, neste caso con roupa parecida a dun frade San Nicolás con Knecht Ruprecht. Pode observarse a cara pintada de negro e o feixe para azoutar

Knecht Ruprecht27 é un vello que vai cun abrigo longo ou cunha roupaxe similar ás dos frades, mais a constante é que leva unha vasoira ou feixe de xuncos para pegarlle ás nenas e nenos que se porten mal. En Alemaña é o máis estendido dos personaxes tradicionais do Nadal e o seu primeiro rexistro escrito é como participante nun desfile en Núremberg no século XVII. As súas similitudes con Belsnickel son máis que evidentes, mais neste caso adopta só o papel de malo para deixarlle o do bo a San Nicolás.

Zwarte Piet

San Nicolás e Zwarte Piet ou Pedro Negro

Zwarte Piet, Schwaarze Péiter en Luxemburgo, é o acompañante tradicional nos Países Baixos, unha especie de paxe negro que axuda a San Nicolás, tamén avalía quen merece agasallo ou non. Aparece descrito por primeira vez no século XIX28. A orixe é diversa, por unha banda provén dun demo derrotado por San Nicolás que logo converteu en servinte seu (nós diríamos claramente esclavo, pero eles…) e por outra que é un esclavo etíope ou morisco ao que San Nicolás mercou a liberdade (obviamente un xesto máis amábel). Ás nenas e nenos que se portan mal méteos nun saco e lévaos de volta a España no barco. A nós, de todos xeitos non deixa de parecernos racista o feito de asociaren o mal cunha persoa de orixe africana, que ademais ten unha evidente condición dun servo, ao que se lle outorgou o «ben» da civilización. Os holandeses din que como procede de España como San Nicolás, é mouro, norteafricano, aínda que todas as representacións pretenden ser dunha persoa de procedencia subsahariana e o nome sexa Pedro o Negro. Segundo parece antes de mediados do XIX había un personaxe coa cara pintada ou máscara e vestido con peles, polo visto moi similares ao Knecht Ruprecht ou mesmo ao Krampus, que puido ser a orixe do Zwarte Piet.

Buttnmandl

San Nicolás cos Buttnmandl Buttnmandl de costas nas que se aprecian as grandes chocas, xunto aos Gankerl

Buttnmandllauff é unha curiosa tradición alemá exclusiva dunha zona dos Álpes bávaros, Berchtesgaden. É a expulsión do inverno que se facía os días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, as tres datas máxicas constantes en todas as celebracións de orixe precristiá. Nos desfiles participan os Buttnmandl, uns homes vestidos de feixes de palla cunhas enormes chocas e os Gankerl, que veñen sendo exactamente uns Krampus.

Glockler, Pere Fouetard, Schmutzli… Son tantas as denominacións locais e variacións dos mesmos personaxes, que non podemos pór todos, agardamos que os até aquí explicados sirvan para ter un panorama dos personaxes de Nadal pola Europa adiante.

Notas a rodapé
  1. O 8 de setembro de 1664 mudou o seu nome polo de Nova York en honra ao duque de York (irmán do rei Carlos II de Inglaterra e que logo reinaría como Jorge II)
  2. Nova York (1783-1859) Asinadas co seudónimo de Diedrich Knickerbocker
  3. Era o terceiro dunha serie titulada The Children’s Friend (Number III). Contiña 8 poemas cunha litografía cada un. É a primeira vez que aparece sen vestimenta de bispo, leva unha especie de abrigo longo.
  4. Non confundir con «raposa», estas zorras son carros con rodas pequenas ou sistemas para se deslizar pola neve.
  5. San Nicolás é o 6 de decembro
  6. Publicouse na cidade de Troy (N Y), a uns 200 km ao norte de Manhattan, entre 1823 e 1832
  7. Máis coñecido polo seu primeiro verso A noite antes de Nadal. Clement Clark Moore autoatribuiuse a autoría, pero máis tarde atopáronse manuscritos do poema, mesmo con correccións, escritos por Henry Livingstone Jr. polo que parece máis seguro que el fose o seu autor.
  8. Entre 1820 e 1890 instaláranse na cidade dez millóns de inmigrantes, procedentes sobre todo de Irlanda e Alemaña e supomos que andaba no aire a idea da creación dunha tradición común de seu
  9. Monta nun cabalo branco e chega en barco de España (probabelmente dende que comezase o dominio español en 1555)
  10. Logo da Reforma de Lutero, na que se deostaba o culto aos santos do catolicismo, mudouse celebración do San Nicolás pola do Neno Xesús, «Christkind» en alemán (Christkindl en diminutivo), moi enraizado por exemplo en Pensilvania
  11. Hoxe non sorprenderá, mais pénsese que se vendía como un refresco, polo tanto de uso exclusivo no verán, se lograban ampliar a súa venda ao inverno podía supor un medre do negocio importantísimo.
  12. Ademais é a primeira vez na que se simbolizan as idades do home: xuventude, madureza e senectude, aínda que co paso dos anos mudase quen deles era símbolo de que idade.
  13. Hai iconografía abondo como para saber que os reis naquela época representábanse con coroas ou tiaras ergueitas. Entendemos que a intención de amosalos cos gorros frixios era moi a mantenta, o importante era a orixe oriental. Non é raro supor que se fosen reis, daríaselle prioridade a esa característica por riba da orixe.
  14. O evanxeo Armenio –apócrifo– di que eran irmáns e que Deus mandounos reunir para seguir a estrela
  15. Na táboa de Santa María de Avià, Melchor e Gaspar están intercambiados con respecto ao mosaico de San Apolinar, Baltasar segue a ser o de mediana idade e barba castaña.
  16. Até non hai moito tomábase coma primeira representación do rei negro a do Mosteiro de Emmaus, en Praga, de 1360-1370, mais as últimas investigacións alertan da posibilidade de que fosen repintados no século seguinte xa que se descubriron varias restauracións posteriores.
  17. A mesma tradición que os troncos nórdicos, o Tió catalán e mesmo o noso Tizón de Nadal. Fálase mesmo de que o Olenzeto xurdira como un boneco de palla que os rapaces queimaban nas prazas polo Nadal. Atendendo aos personaxes cos que está máis ou menos vinculado, Father Christmas, Yule Father… e os seus troncos correspondentes, non nos parece moi plausíbel esta teoría.
  18. O wassail é unha cunca grande que leva unha bebida quente, do mesmo nome, feita con sidra, azucre, canela, xenxibre, noz moscada… Usábase en dúas tradicións, unha polo Yuletide (solsticio) no que se ía polas casas intercambiando a bebida por agasallos e outra na que se bebía a carón das maceiras como ofrenda para que desen bo froito o ano vindeiro.
  19. Dedushka e babushka queren dicir avó e avoa en ruso(ded é abreviatura de dedushka).
  20. Ao parecer realmente é metade home e metade muller, mais na actualidade represéntase só como muller, que segundo os lugares é unha anciá, noutros unha bela dama. Na localidade de Rauris aparece cunha especie de bico de corvo xigante, tradición citada xa no século XI.
  21. Tal foi a asunción do mito de Santa Claus que Agios Vasilis mesmo provén da Laponia tamén
  22. Na orixe e na maioría dos sitios é a muller do Olentzero. Aínda que agora estase a promover a idea de que é unha pastora que vive nunha cabana próxima e que son bos veciños e colaboran entre si
  23. Babushka é avoa en ruso
  24. Algunhas veces, raras, se lle representa como nena máis que como moza
  25. Este conto foi base para obras de teatro, películas e mesmo a ópera de Rimski Korsakov A doncela da neve (Snegurochka-Vesenniaia skazka).
  26. Tamén se fan Krampuslauf en zonas do sur de Alemaña (Baviera) e mesmo no nordeste italiano, (Trentino-Tirol Sur e Friúl-Venecia Xulia)
  27. Ao parecer Ruprecht era unha denominación estendida para o demo en Alemaña. A saber quen foi antes, o ovo ou a galiña…
  28. Sint Nikolaas en zijn knecht (San Nicolás e o seu servinte) de 1860 escrito por Jan Schenkman
Facebook Twitter Pinterest Contacto