O vello Apalpador, tamén chamado en zonas Apalpabarrigas, ou Pandegueiro en partes do oriente ourensán, é unha figura lendaria galega que achega os agasallos ás nenas e nenos a noite de ano vello (ou a de nadal). Baixa das devesas do Courel, entra pola noite nos cuartos das nenas e nenos e moi silenciosamente lles apalpa as súas barriguiñas por ver se están mantidos. Se están cheas dilles: «Así, así esteas todo o ano» e déixalles unha presa de castañas. Senón cala, pero tamén lles deixa as castañas.
Para tranquilizar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles esta canción:

Vaite logo, meu meniño (miña meniña)
marcha agora para a camiña
que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña.
Xa chegou o día grande
día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
para darvos o aguinaldo.

(Recollida en Romeor do Courel en decembro de 1994 por José André Lôpez Gonçâlez)

Na tradición oral recollida, descríbese coma un xigante de oficio carboeiro que viste casaca esfarrapada e con retallos, usa boina e aliméntase de bagas e xabarís. Isto deberase interpretar, cremos, e non tomar literalmente xa que, como aconteceu no centro e norte de Europa, parece que moitos destes personaxes míticos foron deturpados cunha esaxerada moralidade do ben e do mal, outorgándolle aos ritos primitivos o estamento do mal e aos novos o do ben. Coma mostra, só aténdase aos personaxes do norte da península Ibérica, leñadores ou carboeiros, e pensen logo en quen traía na España os agasallos ás nenas e nenos bós: os Reis Magos, e se eran malos?: traían carbón! Resulta curioso, non si? Tal parece que a mensaxe fose:

«Se eres bó (boa) os reis traeranche xoguetes e se eres malo (mala), eses tipos raros que tendes por aquí taeranvos iso que vos traen… carbón, non si?»

Nós preferimos considerar que a vestimenta non fai parte do rito e que outrora O Apalpador vestise, cando saía fora da casa, co abrigo-impermeábel de uso habitual que era a coroza.

Se queredes saber máis sobre as súas orixes, continuade lendo aquí: Orixes

Para entender un pouco máis e valorar como é debido ao noso Apalpador podedes continuar a ler sobre os outros personaxes da contorna: Outros personaxes