Das máis de seiscentas cartas recibidas, máis dun noventa por cento expresaban as arelas de paz e xustiza social. A práctica totalidade delas mesmo chegaba a manifestar a súa vontade de que os seus agasallos fosen para nenas e nenos máis necesitados. Entre todas, había corenta cartas que nos pareceu que salientaban, ben polo particular das súas peticións ou ben polo xeito en que se facían. Como non podiamos agasallar todas, tivemos que reducir ás máis significativas.

Comezando polas dos máis pequerrechos, escollemos a colectiva da aula de 3 anos do CEIP de Frións en Ribeira na que un atento profesorado foi quen de expresar sintéticamente os desexos das oito nenas e sete nenos da aula. Desexos sinxelos e fermosos de criaturas de 3 anos, sen máis voltas que o seren os propios desa idade: Que as flores medren. Que as nenas e nenos sexan todos amigos. Un hermanito de verdad. Que haxa moita herba para os cabalos. Quero ver ao meu papá que está lonxe. Que se apaguen todos os incendios. Que os coellos non teñan frío. Ver un koala. Non ter que madrugar tanto.

A seguir, continuamos no mesmo CEIP de Frións no que decidimos facer unha das excepcións que adoitamos facer logo de interpretar o material que nos chega. Dazanove cartas de nenas e nenos de 5 anos tiñan moito máis mérito en conxunto que a xeito individual. Todas facían as súas peticións con debuxos absolutamente claros e algunha tíñaas escritas. As outras estaban «traducidas» polo profesorado pero claramente con palabras dos pequenos. Que che escriban «Ke todos no se pelear» ou «CE (que) To(dos) teñan casas» «Ver un lobo» E así as dazanove… é imposíbel non premialas. O recoñecemento, e os agasallos por tanto, irán para a aula e/ou biblioteca do centro, a decidir polos pequenos.
De Ribeira damos un chimpo á Guarda, ao CEIP A Sangriña, onde Estela Álvarez González, de 6 anos amósanos o seu forte carácter dándonos unha lista de desexos como o de «ter unha tatuaxe de dragón», «ser a chica máis forte do mundo» e «a mellor de clase» ou «ir sempre de saia negra ao colexio».

Da Guarda a Moaña, onde no CEIP A Seara atopamos tres cartas, unha delas asinada por Daniela Rios Iglesias, durísima, que a través da propia vivencia reflicte os efectos da crise e debuxa a absurda e inxusta desigualdade salarial que sofren a súa nai e mais a súa tía por seren mulleres. Tamén está a de María Santiago Villaverde que presenta con moita tenrura unha familia na que xa non hai sitio para peor sorte coa saúde, agás o seu irmán para o que só pide diñeiro porque «felicidade non creo que quera porque hai moitas persoas que lle queremos tal e como é» rematando coa presentación dun caso de bulling por homofobia a alguén cercano «eu intento axudar pero é difícil porque ela vai a outro colexio…». A terceira das cartas, asinada por Brisa Fernández Rodríguez, é como un sopro de aire fresco, un refacho de positivismo malia que teña que tomar leite de soia «que sabe tan mal» querer «que desaparezan as xudías verdes» ela pide que «todas as persoas digan aos seres queridos as cousas que fan ben… porque é máis facil dicir as que están mal».

Para rematar, no IES Sanxenxo, catro rapaces de 1.º B de ESO, Alejandro Silva Ferreiro, Rubén Otero Jabois, Iván Sineiro Rea e Lucas Sueiro Fernández, deseñan unha postal cun breve texto que reflicte o espíritu da grande maioría. Non queren as castañas, queren que se lle leven os agasallos aos máis necesitados. A postal está ilustrada no seu interior e, ademais dun mapa de África, aparece unha castaña-personaxe que se presenta como o «becario do Apalpador», simplemente xenial.

Moitas, moitas cartas máis, merecían a súa recompensa.

A estadía de fin de semana nas Casiñas do Ribeiro é para María Santiago Villaverde.

As Casiñas Do RibeiroOQOEdicións XeraisOZOCOgzBiblos Clube de LectoresLummerlandOs Lanuxos poden estar tan orgullosos coma estamos na Irmandade dos Apañacastañas de que os seus agasallos serán recibidos por nenas e nenos fóra de serie malia teren de tres a once anos.

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.