Un pouco de fabulación

Prendamos o botón da imaxinación. Poñámonos en modo ON e simplemente deixémonos levar. Pensemos nuns hipotéticos acontecementos que quen sabe se sucederon así ou talvez dun xeito parecido.

Retrocedamos no tempo até hai moitísimos anos, milleiros de anos sen dúbida. Nesta época vívese do que dá a Natureza e moi vinculados a ela. A maioría dos homes e das mulleres dedícanse a sementar, colleitar ou cazar. Tamén fan outros labores como a construción de vivendas e infraestruturas colectivas ou a fabricación de úteis, ben para o fogar, o traballo ou a ornamentación. Tanto para uns como para outros, as rutinas cotiáns mudan cos cambios de estación. O sustento depende da época do ano e así a entrada do inverno supón un fin de ciclo e comezo doutro novo. É por isto que o remate do ano convértese nunha festa de agradecemento polas colleitas e o desexo de que o ciclo que comeza sexa tan ventureiro coma o pasado.


E neses tempos imaxinámonos nunha aldea da montaña, na que habitan algo máis dun cento de persoas pertencentes a tres ou catro clans. No día a día os adultos están a traballar cada quen no seu e as nenas e nenos pasan todo o día a enredar. Os que entran na mocidade comezan a imitar aos maiores e os máis cativos teñen un ollo enriba para protexelos e tamén para que non torzan. No lugar non hai moitos nacementos, se cadra un par deles ao ano e sempre son unha ledicia para todos.


Un bo día, próximo á entrada do inverno e pensando no isolamento que han provocar as nevaradas, unha avoa (sempre son elas) desacougada por como pasaría o neto o seu primeiro inverno, fala co seu home, un dos xefes do clan. Acordan levarlle algunha reserva de alimento, sobre todo froitos secos, para que teña de comer durante a invernía; leña para vencer o frío e xúntanlle algún xoguete de madeira para que se entreteña durante o encerro. Queren facelo con discreción e darlles unha sorpresa, que non saiban que foron eles.

Esa noite deixan sixilosamente as cousas ao pe do neno mentres durme. Os pais non descubren os agasallos até a mañá seguinte e, pensando en quen puido ser, creen que debe ser cousa dalgún ser máxico e bondadoso que veu valerlles. Outros familiares do neno deciden facer o mesmo e do mesmo xeito. O neno pasa o inverno agarimado, quente e mantido. Este xeito de compartir cos máis pequenos gosta a outros clanes da aldea e ao ano seguinte, ao entrar o inverno, fan a mesma cerimonia con outros nenos. O sabio da aldea, (chamémoslle garda das lendas, druída, curandeiro, adiviño…) que non perde unha, pensa axiña que esa idea hai que xeralizala e incorporala aos festexos do solsticio, así todas as familias han levar en segredo algo de alimento, algo de leña e algún xoguete, ás nenas e nenos da aldea. Para personalizalo, conta que é o pai Inverno o encargado de traelos, un personaxe mítico de idade avanzada, evocador da Natureza e que ninguén ve nunca.

Establecido o costume por moitos anos chega a coñecemento das aldeas da contorna, gostan del e tamén se apuntan a incorporalo aos seus festexos, e así vaise estendendo e estendendo por todos os lugares. Deste xeito xeralízase este ceremonial no que os máis pequenos convértense nos reis da aldea.

Cando os romanos comezan a expansión do seu imperio e aparecen polas zonas onde se celebran estas festas, tamén deciden incorporalas ás súas tradicións. Dedícanllas a Saturno, deus da agricultura, e chámanlle as Saturnalias, que acaban por ser as máis importantes do ano. Nelas os romanos fan tamén o intercambio de agasallos e os festexos parécense aos actuais do Entroido con moita troula pola rúa. Deste xeito o rito vai mudando, nuns sitios máis e noutros menos, nuns celebran a Saturno e outros seguen co pai Inverno, pero a esencia da celebración mantense.

A igrexa católica non gusta desas celebracións pagás pero sabe que non pode eliminalas, porque quedaría sen fregueses, e fai como os romanos, decide darlle outra nova reviravolta e celebralas dedicándollas ao nacemento de Cristo.

Segundo pasan os anos aquel costume ancestral do intercambio de agasallos vai mudando segundo os lugares e o tempo no que se vive, convertido xa en rito de Nadal. No fondo ven sendo o mesmo e as mudanzas son froito de adaptacións locais, nalgunhas zonas o alimento é carne de cabra, noutras, froitos secos, castañas… Tamén o carbón sustitúe en certos lugares á leña inicial, noutros a madeira pasa a ser un tronco de boa sorte que se queima e as súas cinsas se espallan polas terras sementadas, tamén hai sitios nos que mesmo é unha árbore. Deste xeito a cabra, que comezara sendo alimento, pasa a ser protagonista e personaxe; a leña, tronco, árbore ou carbón, centraliza as celebracións noutros lugares. En fin, cada pobo axeita a si propio e a súa contorna o cerimonial herdado.

Pero os costumes dos pobos son do máis curioso, nunhas zonas mudan en moi pouco tempo e noutras non dan mudado, algún dos ritos permanece durante centos e centos de anos, mentres outros mudan axiña. As persoas que queren controlar o que fan e pensan os demais para se poder aproveitar deles, sábeno ben e encárganse de exercer a súa presión para mudar os gustos da xente con trapalladas ou mentiras. Din por exemplo que os personaxes míticos que se tiñan por bós e xenerosos, son malos e ruíns, que estes costumes son antigos e malos e estes son mellores porque son modernos. O malo disto é que ao final acabamos crendo todas estas manganchas.

As xentes da montaña, sexan de Europa Central, Escandinavia ou a península Ibérica, adoitan ser máis donas dos seus costumes e estes están máis ligados a os ancestrais e as súas adaptacións á contorna son máis auténticas.

En Galicia, foi no Courel e mais no oriente ourensán onde permaneceu a Noite do Apalpadoiro até mediados do século vinte, alí gardaron na memoria a tradición e O Apalpador viveu con eles este tempo. E porque foi noso, e é noso, deberamos lle gardar o respecto que lles temos aos nosos devanceiros e devolverlle un pouco do agarimo que el xenerosamente nos trae cada Nadal.