CEIP Folla Respino

Obxectivos:

Aínda que no presente curso se concretaron e engadiron obxectivos novos, xa o ano anterior no Colexio, e más concretamente na Biblioteca, se presentara esta mítica figura do Nadal Galego.
1. Presentar a figura mítica do Apalpador.
2. Traballar o Apalpador de diferentes maneiras.
3. Evitar a perda ou esquecemento do Apalpador.
4. Integrar ao Apalpador na nosa contorna, como personaxe propio, da nosa cultura e tradición.

Desenvolvemento dos obxectivos:

1. Desenvolvemos o primeiro obxectivo do seguinte xeito:
Comezamos coa presentación da figura do Apalpador o curso pasado, dando a coñecer a zona onde vive, o seu aspecto, vestimenta, hábitos, etc…A presentación, fixémola na Biblioteca Escolar, por onde foron pasando os
diferentes ciclos.
Ollamos as montañas do Courel ao lonxe e albiscamos ao xigante carboeiro a través do libro “O Apalpador”.
Tiñamos unha cesta de castañas e caramelos que o Apalpador deixara na Biblioteca Escolar, para agasallar aos nenos e nenas deste colexio.
A encargada de Biblioteca, que se ocupou da actividade, tamén se caracterizou de Apalpador cunha barba e unha perruca, e levou a cabo unha sesión de contacontos.
Á parte disto, na revista escolar “A voz da Escola”, incluíronse dúas páxinas coas características do Apalpador, realizadas polos nenos/as do Primeiro Ciclo.

2. O segundo obxectivo, acadouse amplamente neste curso, resultando xa moi doado volver acercar ao noso Apalpador aos nenos e nenas, pois xa era coñecido.
Realizáronse coa colaboración de todo o profesorado as seguintes actividades:
Lectura por parte do alumnado, dos libros adquiridos sobre o Apalpador.
Construción dos crebacabezas, o que lles permitiu interiorizar a figura dun xeito manipulativo e lúdico.
Busca na Internet, de onde sacamos fichas fotocopiables e información que entregamos aos titores/as, para o traballo de aula.
Adaptación do debuxo do Apalpador de Leandro Lamas, poñéndolle unha gabardina e unhas botas de montaña.
A partires do debuxo adaptado, elaborouse (por parte dos Mestres) un Apalpador xigante de cartón.
Lectura das cantigas que aconsellan aos nenos írense á cama antes de que chegue, porque de outro xeito non recibirán os agasallos.
Todo o alumnado pintou diferentes fichas do Apalpador.
Lectura e actividades de comprensión de textos alusivos.
Escritura de cartas ao Apalpador.
Realización, por parte dos alumnos e alumnas de 3º ciclo de fermosos traballos en A-3, sobre a figura do Apalpador, pintándoo e vestíndoo con diferentes técnicas, e completando o debuxo coa paisaxe, flora e fauna do Courel.

3. Para a consecución do terceiro obxectivo, integramos ao Apalpador na realidade do noso colexio, levando a cabo distintas actividades:
O Apalpador xigante de cartón, estivo acompañándonos a carón do Belén (no hall do centro), e no Salón de actos durante o festival de Nadal.
Adornamos paredes e taboleiros de cortiza coas fichas do Apalpador e da fauna, que os alumnos e alumnas realizaron.
No festival de Nadal o noso Apalpador chegou a un acordo cos tres Reis Meigos, na obra de teatro “O Apalpador e os Reis Meigos”, representada polos nenos e nenas do 2º ciclo.
Nesta obra profundizamos na caracterización do Apalpador, (é unha adaptación da obra “Papá Noel e os Reis Meigos” onde se cambiou o papel de Papá Noel polo do Apalpador).
Despois do festival, o pai dunha alumna, disfrazado de Apalpador, presentouse no comedor a comprobar se todos comían ben e estaban ben alimentados. Ao comprobar que así era, repartíu castañas e caramelos a todos, apalpando algunas barriguiñas e aconsellando que comerán ben e san.
Este ano, os alumnos escribiron a carta ao Apalpador no canto de facelo aos outros personaxes.
A postal de felicitación de Nadal levou tamén o debuxo do Apalpador, así como o programa de actos do festival.

Medios humanos

Profesorado e alumnado do Centro
Persoal non docente (nais coidadoras do comedor)
Pai dunha alumna, que se disfrazou de Apalpador

Medios materiais:

Dependencias do Centro (biblioteca, salón de actos, secretaría, dirección, sala de Mestres…)
Ordenadores con conexión a Internet
Material funxible (folios, cartolinas, lapis, cores, pintura, cartón…)
Libros sobre o Apalpador: XOÁN G.: O Apalpador. Biblos. A Coruña, 2009. CASTRO LIMA, M. e AMEIXEIRAS SÁNCHEZ, M.M.: Antón e o Apalpador. Barafunda Editorial. Vigo, 2009.
Láminas do Apalpador e da fauna, marcapáxinas e cartas, de http://www.apalpador.com/
Material para a recuperación da figura do Apalpador, con autoría de Foucelhas, Asociación cultural de comarca de Ordes.
Distintas ligazóns e páxinas web sobre a súa figura, por exemplo a do C.E.I.P. “Alexandre Bóveda”: http://es.calameo.com/read/000124437ce801d1c48d3
Recursos sobre o Apalpador atopados na Coordinadora galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, nesta dirección: http://www.coordinadoraendl.org/nadal2010/recursos/index.php?pax=pax5.php

Conclusión:

Como conclusión, destacar a grande aceptación deste personaxe, que aínda está vivo en pobos da contorna, cos nomes de Apalpadoiro e Apalpabarrigas.
Algúns nenos, leron por primeira vez, xa nas súas casas, libros do Apalpador. Os alumnos participaron gustosamente nas actividades, que lles resultaron moi motivadoras, en especial a visita deste ao centro.
O máis positivo foi que tras as moitas actividades realizadas, e sobre todo, despois de escribirlle as cartas, constatamos que moitas familias se implicaron, e os nenos recibiron agasallos do Apalpador.

Cartas ao Apalpador Láminas Quen é o Apalpador? Actualidade
Facebook Twitter Pinterest