As orixes

Cartas ao Apalpador Láminas Quen é o Apalpador? Actualidade Fabulación Orixes Outros personaxes As amigas e amigos

O obxecto destas entradas nas que se describe o personaxe, o rito, as súas orixes e os outros personaxes da contorna, é a divulgación, que ninguén agarde un traballo etnográfico de tipo científico, non nos parece acaído para este sitio web. Malia isto, queremos facer notar que todos os datos históricos que se citan están contrastados con máis de dúas fontes de diferente raíz, aínda que non se citen as mesmas.

Antecedentes

Vaia por diante salientar que a tradición do Apalpador e a Noite do Apalpadoiro estaban totalmente perdidas á entrada do milenio actual. Afortunadamente mantíñanse na lembranza dunhas poucas persoas nacidas na primeira metade do século XX e que as viviran de pequenas. Grazas a elas, ao estudo por parte duns poucos e ao esforzo de moitas persoas, podemos dicir que, aínda que quede moito camiño, algo se ten andado xa.

Descubrimos ao Apalpador alá polo 2008 grazas á difusión que fixo A Gentalha do Pichel. Vímolo coma unha figura realmente tenra e merecente de todo o noso esforzo por recuperala. Unha tradición fermosísima e un rito marabilloso, entroncados coas tradicións do Norte da España e de toda Europa, mais tamén diferenciándose deles cunhas características propias.

O primeiro escrito que nós coñecemos que relata a Noite do Apalpadoiro é o de Xesús Taboada Chivite (La Navidad gallega y su ritualidad. Separata das actas do Congreso Internacional de Etnografía. Lisboa, 1965). En maio do 2001, José André Lôpez Gonçâlez recibe o encargo de escribir para a revista Vaga-lume, de Corredor de Henares, unhas liñas sobre o Nadal galego, que estende no Nadal de 2006. Este documento, colgado no repositorio da Agal, foi descuberto pola Gentalha do Pichel que deu visibilidade ao Apalpador, unha figura para todos nós descoñecida até o momento. Comeza así a nova etapa de recuperación da figura mítica.

As tradicións mestúranse ao longo do tempo, xúntanse novas con vellas, alleas con propias, para dar como resultado as que vive cada tempo. É a forma de evoluír, de espir de elementos superpostos ou de adaptalos por outros máis afíns, o que determinarán o xeito de continuaren en cada tempo e lugar. O Apalpador ten claramente cousas que non lle son propias de orixe, senón superposicións malintencionadas que se deberan redefinir. O aspecto exterior é unha das cousas máis contraditorias. Dunha banda o personaxe é un xigante, cualificativo reservado nas tradicións aos «extraordinarios» máis que aos de talle longo; mais pola outra banda viste casaca esfarrapada e con retallos coma un marxinado social. Nós só podemos interpretar que as superposicións deturpadoras que se lle foron introducindo quixeron facer que un mito xigante envorcase en baldreu e pouco atractivo, afastándoo até a súa desaparición. Recuperar a tradición usando por literal unha imaxe que reflicte máis a deturpación que o mito, parécenos un erro. Hoxe en día ninguén pensa que os castros, as covas, ou as mámoas eran dos mouros; en canto se estudou mínimamente a tradición, concluíuse que a referencia estaba deturpada, non se refería aos mouros como os árabes que viñeron á Península Ibérica, estes chegaron moitos séculos máis tarde. Non caiamos logo en interpretar como parte do mito o que é da deturpación, non caiamos nas malvadas vinculacións co «home do saco», co castigo (se portas mal vaite levar O Apalpador…!) ou co medo. Non fan parte do mito.

O máis importante é que a restitución da tradición farase se o pobo galego así o decide e tal como o pobo o asuma. Nestes dez anos o camiño andado é realmente incríbel. A recuperación estase a facer coma ten que ser, de abaixo arriba. Queda moito por andar, aínda segue a ser o terceiro da fila. É por iso que debemos coidar moito a autenticidade da tradición e amosalo co mellor aspecto posíbel.

As orixes da tradición

Xa na prehistoria celebrábanse os solsticios con grande cerimonial e se divinizaban os acontecementos e fenómenos naturais. Para a mellor comprensión do pobo se lles daban formas antropomórficas e así tomouse moi cedo o sol como deus principal en moitas culturas. Os romanos celebraban a mediados de decembro unhas festas en honra de Saturno e ao remate das mesmas os nenos recibían agasallos dos maiores. No norte e centro de Europa, existen varios personaxes que podemos resumir nunha triada: O vello, (pai Nadal, avó Nadal, pai Inverno…) representante do cambio de estación; unha cabra, probabelmente como alimento pero tamén como transporte, e un tronco ou árbore. Os nenos italianos reciben os agasallos duna fada chamada Befana. No País Vasco dun carboneiro chamado Olentzero recuperado a mediados do século XX e que ocupa o primeiro lugar nas preferencias infantís vascas. En Cantabria e Asturias é un leñador, co mesmo aspecto que o anterior, chamado Esteru pero con menos repercusión. En Cataluña e Aragón non quedan personaxes humanos, os agasallos saen dun tronco máxico chamado tió. No País Vasco existe tamén o tronco olentzero. Estes troncos aparecen, coma se dixo, no norte e centro de Europa e en Galiza chamábase Tizón de Nadal, citado entre outros por Otero Pedrayo. En España e algúns países de Latinoamérica son os Reis Magos os que traen os agasallos o día da Epifanía como recordo do ouro, incenso e mirra que lle levaron ao neno Xesús polo seu nacemento segundo a crenza cristiá.

Todo parece indicar que a celebración do remate dun ano e comezo do outro, e o almacenamento de alimento e combustíbel para a invernía, son as orixes do mito do Apalpador. A personificación da mudanza de estación, común en tantas partes de Europa, coma un vello venerábel que viste galas moi vinculadas á natureza, son unha das partes do ritos primitivos que parecen terse mantido con máis firmeza, ao cabo déraselle forma antropomórfica como símbolo e iso mantívose. Coroas vexetais, abrigos longos, peles… e sobre de todo, aire solemne, era a representación do mito.

A recollida das colleitas, a acumulación de alimento para as épocas nas que a terra produce a súa transformación para renacer na primavera, mantívose de xeito desigual; mentres que en Europa nórdica e central se simboliza o alimento moitas veces cunha cabra, noutras son vexetais, como as nosas castañas que foran alimento tan basico noutrora.

E por último chegamos ao combustíbel, a madeira, o carbón vexetal, e mesmo o tizón de nadal, que ao través do tempo o elemento puido dividirse en dous. Nalgunhas partes o personaxe permanece independente do combustíbel como no centro e norte de Europa, mais noutras asimila unha característica do elemento enerxético, como o tronco olentzero e o olentzero como leñador. O Apalpador e o tizón de nadal son costumes separados que probabelmente nunha orixe tivesen máis ligazón ca das propias datas.

A significación orixinal da data de celebración era sen dúbida algunha a do solsticio, remate e comezo de ano meteorolóxico. Mais é probábel que fose o significado de «fin de ano» o motivo de que a Noite do Apalpadoiro se celebrase no Courel o 31 de decembro. Lembremos, a propósito da letra da cantiga recollida que describe o rito, que tan día do señor é o de Nadal (25 de decembro) coma o do Enmanuel (1 de xaneiro).

Imaxe da Vindicación do Nadal, de John Taylor, 1652 Father Christmas ou Pai Nadal co tronco Yule. Illustrated London News, 23 Dec 1848O Old Christmas ou Vello Nadal dacabalo dunha cabra (Yule), RobertSeymour, 1836

Estas imaxes do Pai Nadal ou Vello Nadal amósano, coma diciamos antes, coma un vello barbudo. Na primeira delas con evidente apariencia relixiosa, mais nas outras dúas con clara influencia pagá, coa coroa vexetal simbolizando a súa orixe e ligazón a natureza e os outros dous elementos da tríada ritual, o tronco Yule e a cunca de madeira wassail coa que se brindaba con ale ou sidra á saúde dunha árbore e que debe simbolizar o alimento coma ofrenda á Natureza, e por fin a cabra Yule.

Guerreiro en carro de madeira. Xoguete da Roma antiga Boneco articulado de terracota da Grecia antiga (MET NY) s IX aCCabalo sobre rodas de terracota. Xoguete grego de 950-900 aC Xoguete de búfalo sobre rodas feito en madeira. Grecia antiga

Os xoguetes, xa elaborados coma estes da Roma e a Grecia antiguas, ou simples chucas ou canicas, foron usados por nenas e nenos de todas as civilizacións dende hai milleiros de anos. Nas saturnalias xa había intercambio de agasallos, polo que, se entendemos que foron unhas festas anteriores romanizadas, o costume de traerlle xoguetes aos máis pequenos e aínda anterior. Obviamente a revolución industrial e a posibilidade de producir en serie a partir do século XIX fixo que medrasen en oferta e accesibilidade, polo que certos autores opinan que máis que estenderse o costume vén de novo.

Se queredes entender un pouco máis e valorar como é debido ao noso Apalpador podedes continuar a ler sobre os outros personaxes da contorna: Outros personaxes

Facebook Twitter Pinterest