Este ano a Irmandade dos Apañacastañas premia unha ducia de cartas que resumen as inquedanzas, desexos e realidades das nosas pequenas e pequenos

En primeiro lugar quixeramos agradecer á comunidade educativa e ás equipas de Normalización Lingüística o esforzo e o interese no Premio que se traduce nos moitos centos de cartas recibidas, que complicaron gratamente o noso traballo de selección. Realmente moitas delas merecían agasallos, pero non podía ser, houbo que facer escolma. Con todo, quixeramos salientar a sensibilidade de todas as nenas e nenos que citaban temas como a violencia de xénero, o terrorismo, a separación dos pais, as discapacidades, a amizade, a crise, os desafiuzamentos, a emigración dos seus irmáns maiores ou dos pais, a dureza do traballo na mar ou as longas xornadas laborais que lles impiden gozar de pais e nais, ou que cando voltan á casa están tan cansos que non poden atendelos.
Brais Baldomero Castromán, do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, Ribeira, que pide que o seu pai poida pasar máis tempo coa súa irmá e mais con el, será o que reciba o agasallo dunha estadía de fin de semana no hotel Pazo O Carballo ou nunha das Casiñas do Ribeiro, ademais dun lote de libros. Tamén recibirán cadanseu lote de libros Alba, Íria, Lucas, Pablo e Sonia, de 4.º do CEIP de Randufe de Tui que escribindo cartas totalmente diferentes, coinciden en pedir azos para a mesma compañeira enferma. Outros agasallos irán para: Vera Márquez Álvarez do Colexio A Sangriña da Guarda pola súa simpatiquísima carta, para Dani Marín Reyes, tamén do CEIP Heroínas de Sálvora que nos pide que o seu curmán cordobés poida aprender a falar galego, porque lle gusta moito falalo pero non sabe. Miguel Vázquez Iglesias do CEIP Albino Núñez de Ourense cóntanos que en Eirasvedras un veciño está en risco de quedar na rúa exposto ás «noites de frío e xiadas» «porque non ten para arreglar a casa». Así mesmo recibirá os seus agasallos Alba Rodríguez Serodio tamén do CEIP de Randufe de Tui, que aprendeu solidariedade do seu can e dános unha lección que poría rubias as meixelas de calquera adulto. Conta que na leira veciña hai un can abandonado para o que ela pide un dono e que «As veces o meu can invítalle a comer e paréceme moi ben». Premiamos tamén a carta colectiva escrita polos dazasete nenos do CEIP de Vilatuxe, Lalín ao que lles adiantamos que estamos a ver o xeito de darlle vacacións aos bechos das castañas da zona e que as deixen en paz. Por último, e sen que isto indique ningún tipo na orde dos premios, Naia González García de 8 anos e tamén do CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño, que recibirá o seu agasallo ademais da nosa axuda na medida das nosas cativas posibilidades, pide que nos unamos a ela e deixemos medrar as melenas e doar pelo natural co que se fabriquen perrucas para quen estea a tratamento de quimioterapia.
As Casiñas Do Ribeiro, Galaxia, OQO, Edicións Xerais, OZOCOgz, Biblos Clube de Lectores, Galileo Nenos, Lummerland e A raíña verde. poden estar tan orgullosos coma estamos na Irmandade dos Apañacastañas de que os seus agasallos serán recibidos por persoas fóra de serie malia teren de cinco a once anos

Leave a comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.